DEBIDO A PROBLEMAS TÉCNICOS NO SERVIDOR ESTA É UNHA PÁXINA PROVISIONAL
Esta é unha páxina provisional á espera de que se solucionen os problemas técnicos no servidor da FEGAMP.
Algúns dos elementos do menú non funcionan ou están desfasados. Agardamos ter solucionado o problema en breve.
A federación espera que esta demanda adoptada por unanimidade da Executiva, e da que xa ten constancia o conselleiro de Medio Rural, sexa tida en conta pola Xunta
A FEGAMP REITERA QUE OS CONCELLOS DEBEN TER AUTONOMÍA PARA A CONTRATACIÓN DAS CUADRILLAS ANTIINCENDIOS
Santiago, 24 de Marzo de 2006.- A Federación Galega de Municipios e Provincias amósase sorprendida ante a noticia aparecida hoxe en diversos medios de comunicación na que se afirma que Medio Rural participará na selección dos integrantes das cuadrillas forestais cando a Comisión Executiva da federación, reunida o pasado 13 de marzo, adoptou por unanimidade de todos os grupos políticos que a compoñen, facer unha única precisión ao convenio-marco en prevención e extinción de lumes forestais da Consellería, no tocante precisamente á provisión de prazas.
En concreto, a modificación proposta pola Fegamp, da que xa ten coñecemento o conselleiro Alfredo Suárez Canal, refírese á supresión, no articulado do devandito acordo do seguinte parágrafo: "A Consellaría de Medio Rural designará un representante con voz e voto nas mesas de selección que se constituirán nas convocatorias de provisión de prazas correspondentes". A federación entende que os concellos non son menores de idade para realizar este tipo de contratacións temporais, máxime cando se tratan de cubrir prazas por un período de tan só catro meses. De aí que as entidades locais defendan o seu dereito de autonomía na contratación deste tipo de persoal.
Polo tanto, a Fegamp espera que o departamento que dirixe Suárez Canal teña a ben incorporar esta demanda dos concellos, que foi consensuada polos membros que compoñen a súa Executiva, e que lle notifique oficialmente a resolución, antes de dala a coñecer a través dos medios de comunicación.
López Crespo sinalou que un 60% dos concellos de Galicia non ten Policía Local, e dos que a teñen, máis dun 30% ten menos de 10 axentes
A FEGAMP RESALTA A RESPONSABILIDADE, A CAPACIDADE E A COMPETENCIA COMO PREMISAS BÁSICAS PARA TRATAR A PROBLEMÁTICA DO BOTELLÓN
Santiago, 23 de Marzo de 2006.-O alcalde de Outes, Carlos López Crespo, que asistiu en representación da Fegamp -pola imposibilidade do seu presidente de poder acudir- á reunión convocada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia para manter unha primeira toma de contacto sobre a problemática do botellón, explicou que “os concellos temos nestes momentos un problema derivado dese obxectivo común das institucións, que é o de harmonizar os intereses dos mozos en canto á súa diversión e os dos cidadáns en canto ao seu lexítimo de dereito a un descanso tranquilo”.
López Crespo precisou que “concretamente desa harmonización xorden unha serie de problemas para as entidades locais galegas, dos que queremos resaltar os tres aspectos máis importantes: a responsabilidade de canto acontece no noso concello, logo o aspecto competencial, e a capacidade”.
O alcalde de Outes fixo fincapé en que “este último é o que máis disgustos xera nos políticos locais posto que desde o punto de vista da capacidade un 60% dos concellos de Galicia non ten Policía Local, e dos que a teñen, máis dun 30% ten menos de 10 axentes”. “Esa imposibilidade xera unha certa inquietude nos alcaldes”, resaltou.
Por último, Carlos López Crespo destacou que “en representación da Fegamp quero fortalecer a idea de arrinconar definitivamente a represión deste fenómeno social de diversión dos mozos. Haberá que reprimir as malas condutas, pero desde o conxunto velo con positivismo para intentar minimizar ou neutralizar os problemas do botellón que xorden dos nosos mozos”.
A planificación de sistemas de información, a adecuación á Lei de Protección de Datos e o proxecto de Televisión Dixital Terrestre constitúen as tres áreas obxecto de consultaría
FEGAMP E SOLUZIONA PRESTARÁN ASESORAMENTO TECNOLÓXICO AOS CONCELLOS DE MENOS DE 30.000 HABITANTES
Santiago, 22 de Marzo de 2006.-A prestación de servizos de consultaría tecnolóxica aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes en condicións moi vantaxosas, cos que se pretende mellorar o acceso á información por parte dos cidadáns, é o obxectivo do convenio asinado hoxe entre o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo Iglesias, e o director executivo en Galicia da multinacional de servicios tecnolóxicos Soluziona, Eduardo Romero Bandeira.
As áreas de obxecto da citada asesoría agrúpanse en torno a tres grandes bloques: a planificación en materia de sistemas de información, a adecuación das entidades locais galegas á Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) e o despegue da Televisión Dixital Terrestre (TDT) de ámbito local.
PLAN DE SISTEMAS DE INFORMACIÓN
En base ao convenio Soluziona comprométese, baixo petición individual e formal do concello interesado, á elaboración dun Plan de Sistemas de Información no que se faga unha análise da situación actual do municipio afectado, no que se lle dean recomendacións para a unha mellor xestión informática e no que se lle ofreza un catálogo de proxectos e accións a desenvolver neste campo. As necesidades de infraestruturas tecnolóxicas, de recursos humanos ou de servizos de información e atención aos cidadáns serán algúns dos aspectos obxecto de asesoramento neste ámbito.
Ademais, Soluziona poñerá á disposición da Fegamp un servizo de vixilancia tecnolóxica en relación coa implantación de solucións informáticas avanzadas nas entidades locais. Este sistema consistirá na remisión mensual á federación por parte da citada empresa de reseñas correspondentes ás principais noticias, boas prácticas ou eventos que teñan relación coa implantación dos avances tecnolóxicos ou coa prestación de servizos telemáticos ao cidadán por parte dos poderes locais españois. Deste xeito, a Fegamp poderá ofrecer este servizo aos concellos a través da súa páxina web.
ADECUACIÓN Á LEI DE PROTECCIÓN DE DATOS
A segunda área de actuación que inclúe o convenio da Fegamp con Soluziona é a que fai referencia ás actuacións a seguir por parte das entidades locais para lograr adecuarse a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD). Para este fin, a empresa consultora desenvolverá para cada un dos municipios que llo soliciten un Diagnóstico e Plan de Acción para a adecuación á LOPD. Neste apartado analizarase o grao de adaptación á normativa de aspectos coma a xestión de usuarios e contraseñas, a seguridade en accesos desde o exterior, os ficheiros de datos persoais ou a xestión de copias de seguridade, entre moitos outros.
Adicionalmente Soluziona elaborará, para uso exclusivo por parte da Fegamp e dos seus asociados, unha Guía Sectorial de Adecuación á LOPD para pequenos e medianos concellos que incluirá unha descrición xeral sobre a normativa aplicable e os principais pasos a seguir para que as entidades locais se adecúen a ela.
ASESORÍA NO PROXECTO DE TDT
O terceiro bloque que abrangue o convenio é o referente á prestación de servizos de asesoría integral para o despegue de proxectos de implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) de ámbito local. Os servizos inclúen dende a tramitación administrativa para a súa posta en marcha e asesoramento sobre infraestruturas e sistemas necesarios, ata a elaboración do plan de negocio, o estudio de viabilidade económica ou o deseño de contidos e programación.
A maiores, a empresa comprométese a facilitar á Fegamp un Servizo de Información aos concellos en relación coa TDT local, que inclúe unha recompilación das preguntas máis habituais, a difusión de noticias e publicacións relacionadas coa TDT, especificamente coa de ámbito local e de maneira particular coa súa xestión directa, e un resumo das experiencias que sexan de interese para os poderes locais. A federación colgará na súa web información acerca destes aspectos.
Representantes do Goberno da Xunta, da Delegación do Goberno en Galicia, do TSXG e o presidente da Fegamp rubricaron hoxe este documento
ASINADO O ACORDO INTERINSTITUCIONAL PARA A MELLORA NA ATENCIÓN ÁS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Xosé Crespo explicou que os Gobernos Locais colaborarán “sen ningún tipo de reservas para erradicar esta problemática social na nosa condición de administración máis achegada á cidadanía mediante o impulso de programas de axuda ás vítimas”
Santiago 21 de marzo de 2006.- Hoxe asinouse o Acordo Interinstitucional para a Mellora na Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero que nace co obxecto de mellorar a coordinación das institucións e departamentos implicados na prevención da violencia de xénero e na asistencia ás vítimas, e de establecer pautas de actuación homoxéneas en toda a comunidade autónoma galega, que redunden en beneficio da atención ás propias vítimas. Foi nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, no que tamén participaron outros representantes do Goberno autonómico, da Delegación do Goberno, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e dos concellos galegos, xa que asistiu o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo Iglesias.
COLABORACIÓN DOS GOBERNOS LOCAIS
Xosé Crespo explicou que “desde os Gobernos Locais, como non pode ser doutro xeito, estamos dispostos a colaborar sen ningún tipo de reservas para erradicar esta problemática social na nosa condición de administración máis achegada á cidadanía, mediante o impulso de programas que propicien unha loita permanente contra esta lacra e unha axuda sen límites para as vítimas, que se debe situar fóra de liortas políticas e contando co consenso de todos os partidos”.
De feito, no texto do acordo especifícase, no apartado segundo, que os departamentos e institucións asinantes comprométense, entre outras actuacións, a cooperar coas entidades locais galegas co fin de crear unha rede de concellos que leven a cabo programas que contribúan á prevención e á erradicación da violencia.
RESPOSTAS CONTUNDENTES
Ademais, o presidente da Fegamp resaltou que “o tema que nos reúne hoxe aquí é, sen lugar a dúbidas, un problema de primeiro nivel na nosa sociedade que lamentablemente se está a incrementar nos últimos tempos”. Neste senso precisou que “os datos que día a día nos chegan son desalentadores e todos, especialmente as administracións públicas, temos a obriga de dar respostas contundentes a estes feitos sen escatimar esforzos nin medios para a defensa dun valor fundamental constitucionalmente preservado”.
NECESIDADE DUNHA COORDINACIÓN ÓPTIMA
Crespo cualificou o acordo asinado hoxe de “paso moi importante de cara a combater estes atentados e para ter así unha sociedade verdadeiramente democrática, na que todos gocemos dunha liberdade sen reservas baseada no respecto aos demais”. Ao respecto o presidente da Fegamp fixo un chamamento a todos os axentes implicados para “adoptar as medidas necesarias para lograr unha coordinación óptima, posto que aínda que se deron anteriormente avances significativos, tales como a aprobación da Lei de Igualdade de Homes e Mulleres en xullo de 2004, queda un longo treito por percorrer e non debemos desbotar ningún tipo de esforzo desde todos os sectores da sociedade para lograr o obxectivo”.
CURSOS DE FORMACIÓN CONTINUA E INTEGRAL DO AGRO GALEGO
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (Bergondo-A Coruña), vén de organizar, dentro do Programa de Formación Continua e Integral do Agro Galego para o 2006, aprobado pola Consellería de Medio Rural, unha serie de cursos gratuitos, financiados pola Unión Europea, dirixidos a todas as persoas ligadas co medio rural.
Os interesados en participar nalgunha actividade poden solicitar calquera tipo de información no 981795220 ou no correo electrónico javier.pereira.gonzalez@xunta.es.
Relación de cursos